Saturday 18 de May de 2024

Feijóo destaca a creación neste 2016 de 25 novas prazas en centros de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista a través dun investimento que ascende a 5 m€ e que suma xa un total de 270 prazas públicas


“Aumentamos tamén a partida orzamentaria que destinamos aos convenios coas federacións integrantes do CERMI: de 3 millóns de euros en 2015 a 3,6 millóns de euros en 2016”, engade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, durante unha visita ao centro de educación especial Coral Seoane en Ferrol, a creación neste 2016 de 25 novas prazas en centros de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), a través dun investimento que ascende a 5 millóns de euros e que suma xa un total de 270 prazas públicas. “Queremos seguir acompañando o traballo que realizan asociacións como ASPANAES e centros coma este de Ferrol, para que os seus beneficios cheguen ao maior número de persoas posible”, aseverou.

Máis polo miúdo, Feijóo concretou que destas 25 novas prazas: 9 serán para o centro que ASPANAES ten no Concello das Pontes; 12 prazas concertadas no centro Castro Navás da Fundación Menela en Nigrán; e 4 máis para o centro de día da Asociación BATA en Vilagarcía de Arousa. E resaltou que con estas novas prazas, os centros de ASPANAES en Galicia disporán este ano: no Centro de Día Coral Seoane, de 46 prazas concertadas en 2016; o seu centro de día das Pontes pasará de 25 a 34 prazas públicas; no centro de día de Culleredo, de 23 prazas públicas; e no de Villestro, en Santiago, de 16 prazas en 2016.

Así mesmo, afirmou que a axuda que este ano a Xunta destina á Federación de Autismo de Galicia aumentou un 26% máis que en 2015. “E aumentamos tamén a partida orzamentaria que destinamos aos convenios coas federacións integrantes do CERMI: de 3 millóns de euros en 2015 a 3,6 millóns de euros en 2016”, engadiu.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén á posta en marcha do primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro Autista, que persegue facilitar a detección do TEA no ámbito escolar e proporcionar a esta alumnado unha atención educativa na que se implique o propio centro e as familias.

“Estamos a falar dunha ferramenta para os profesionais do ensino e para os pais, que pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios, e orientar a intervención educativa dun xeito máis personalizado”, dixo, ao que engadiu que este protocolo propón un seguimento diario e trimestral para verificar se a atención foi a adecuada ou se é necesario artellar novas medidas.

Un compromiso coa discapacidade
O responsable do Goberno galego fixo extensivo tamén o compromiso da Xunta a todas aquelas persoas que padecen algún tipo de discapacidade. E, nesta liña subliñou que desde 2009 o orzamento dedicado a esta materia aumentou nun 45%, pasando dos 65 millóns de euros investidos en 2009 aos case 95 millóns de euros “que estamos a destinar á discapacidade este ano, 30 millóns de euros máis”.

Xunto con esta partida, Feijóo referiuse tamén a diversas iniciativas, entre as que destacou: a aprobación da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020; e o incremento de novos servizos de atención residencial e diúrna para os diferentes colectivos da discapacidade.

Nesta liña, destacou ademais axudas para implantar a Rede galega de Atención Temperá; para os servizos de promoción da autonomía persoal; para a formación do persoal das entidades do terceiro sector; para o asesoramento e formación de persoas con discapacidade; e axudas para a supresión de barreiras e a promoción da accesibilidade.

Feijóo concluíu destacando o traballo que ASPANAES está a facer coas preto de 400 persoas con trastorno autista que atende en toda a provincia da Coruña; unha labor que ten como obxectivo facilitar o apoio preciso desde o punto de vista terapéutico e educacional para que cada unha destas persoas poida desenvolver o seu proxecto de vida e favorecer a súa integración social. “Trátase de mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias”, aseverou, lembrando que o Trastorno do Espectro Autista afecta a un de cada 100 nenos que nacen en España.